|
GUÍA
TURÍSTICA DE CEE
Capital económica da Costa da Morte
|
|
|
Cee
é
unha fermosa vila mariñeira situada nunha das zonas paisaxísticas
máis singulares de Galicia, a Costa
da Morte. Está a 14 km de Fisterra, e por ela pasa o
Camiño
Xacobeo que vai cara á fin da terra; a uns 10 km cara
o sur atópase o monte Pindo, unha grande mole granítica
o borde mesmo do mar e polo que antes desembocaba o río Xallas
en fervenza, unha das dúas existentes en Europa .
|
 |
Cee
asómase ó mar por tres fragmentos de costa: a ría
de Lires no noroeste, a praia de Estorde na enseada fisterrá,
e desde o mesmo Cee ata a enseada do Ézaro.
O municipio ten unha superficie de 52,2 km nos que viven 7.525 habitantes
distribuídos en seis parroquias: A Ameixenda, Brens, Cee
(que no seu núcleo urbano aglutina a cerca de 3.600 habitantes),
Lires, A Pereiriña e Toba.
|
|
Historicamente,
Cee conta con vestixios da existencia dun poboamento desde moi
antigo. Temos restos de cultura megalítica (ca. 4500-2000
a.C.) como as mámoas do alto de San Pedro Mártir
(A Pereiriña) e as Pedras Negras (Bermún-A Pereiriña).
O pobo prerromano que habitou esta comarca foi o dos Nerios, os
cales desenvolveron a súa cultura dentro do mundo castrexo
antes e despois da chegada dos romanos. Pegadas da súa
existencia son os castros do monte do Son (Cee), monte do Castro
(Lires), Os Castros (Bermún-A Pereiriña) e Os Castros
(Vilar de Toba).
Na Idade Media, Cee aparece cara o século XII como unha
pequena vila adicada so os labores da terra; empezou a medrar
gracias á presencia nela do arcediago de Trastámara,
onde construíu a súa residencia señorial,
e pouco a pouco comezou a abrirse cara o mar, facendo del un ben
económico. Restos de arquitectura medieval podemos observalos
na igrexa de Toba (románico), do século XII. Tamén
a igrexa de Cee conserva restos da arquitectura gótica
do século XV (parte da capela maior).
Na
Idade Moderna a vila de Cee vaise configurando como un núcleo
de poboación importante, que vai medrando pouco a pouco
ó abeiro do poder eclesiástico e da riqueza do mar.
A imaxe que a parte antiga nos ofrece déixanos entrever
para esta época unha vila de casas de pedra labrada e estreitas
rúas con patios e prazas pequenas. Entre as edificacións
podemos destaca-la casa Mosteirín, edificio de carácter
residencial, situado nun dos lados da praza da Constitución
(ó lado da Casa Mayán). Para a arquitectura relixiosa
deste período histórico, recomendamos a visita á
igrexa de San Xulián da Pereiriña, comezada no século
XVI, e as igrexas de Santiago da Ameixenda, Santa Eulalia de Brens
e San Estevo de Lires, todas elas reformadas no século
XVIII. Deste mesmo século temos magníficos exemplos
de arquitectura civil, como o Pazo de Cotón, construído
polos Carantoña de Vimianzo, unha boa testemuña
do barroco galego. Tamén desta época é o
Castelo do Príncipe na Ameixenda, así chamado na
honra do futuro rei, Carlos IV. Este, xunto co Castelo do Cardeal,
xusto enfronte, tiña a función de defende-la entrada
da ría dos frecuentes ataques piratas.
|
|
Nesta
época, todos os ceenses teñen o orgullo de contar
cunha singular figura natural desta vila: Domingo Antonio de Andrade
(1639-1712), arquitecto e escultor barroco, un dos máis
importantes a nivel galego. Entre as súas innumerables
obras queremos destacar: o seu traballo no Altar Maior do Apóstolo,
no revestimento dos piares (1669), o deseño e construcción
da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago (1676-1680), o baldaquino
para o altar do Santo Cristo da Catedral de Ourense (1679), obras
de reedificación do Mosteiro de Santo Domingo de Bonaval
coa coñecida escaleira de caracol (1695), remata o Pórtico
Real da praza da Quintana e o segundo corpo da Porta Santa en
Santiago (1700) e comezou pouco antes da súa morte a casa
da Conga na mesma cidade (1709). As súas obras en Cee centráronse
na igrexa parroquial, se ben non se conserva nada debido á
destrucción da mesma polos franceses a comezos do século
XIX.
Xa na Idade Contemporánea, a historia de Cee e a de toda
a comarca vese truncada pola invasión francesa. En abril
de 1809 as tropas de Napoleón arrasan a vila e os campos,
roubando e destruíndo todo o que se lle poñía
por diante. Isto, unido á crise na que entrarán
as pesquerías do salgado obriga a moita xente a emigrar.
Entre eles está o caso de D. Fernando Blanco de Lema (Cee
1796 - La Habana 1875), que emigrou a Cuba . Este singular personaxe
deixa no seu testamento a súa fortuna á vila de
Cee para construír nela un Colexio de primeiro e segundo
ensino. O centro de ensino foi inaugurado en 1886, sendo un importante
referente cultural, tanto pola súa arquitectura, como polas
importantes coleccións que alberga no seu interior.
Ademais,
aconsellamos un paseo pola Alameda de Cee, engalanada con preciosas
edificacións do século XIX como a Casa Mayán,
de estilo tradicional, con galerías e balcóns, e
do século XX como a Casa Guillén e a antiga Casa
do Concello, recentemente restaurada e convertida na sede da Escola
de Música Municipal e do futuro Conservatorio de grao medio.
Hoxe en día Cee é unha vila que sabe compaxinar
todos estes vestixios históricos cunha variada oferta cultural
e de lecer orientada tanto para os seus habitantes, como para
os que
teñen a ben visitarnos.
|
|
Por
todo isto:
Os ceenses quérenvos convidar a todos a gozar da fermosura
das paisaxes e monumentos, así como da alegría e hospitalidade
das súas xentes nas festas e na gastronomía, desexándolles
a todos unha estancia de agrado nesta porta de entrada á
Fin da Terra.
|
|
PARA
SABER MÁIS SOBRE CEE
Casa
do Concello: 981 74 51 00
Outros espacios:
Mapa do Concello
|
|