ACTIVIDADES ó longo do ano

Antroido

Coplas

FALAMOS CON... Manuel Lema Montero

Unha tardiña co señor Manuel Lema Montero. Falamos longo e tendido. Natural de Borneiro, vive no Couto desde os 24 anos, e agora xa vai cara noventa. El empezounos dicindo: "Levo aquí moitos anos e acordo aquí a moita xente e moitas cousas ben feitas unhas e mal feitas outras. As mal feitas logo pasan".

¿Como celebraba a mocidade o Antroido?

Había dous bandos, o colorado e o blanco. O colorado eran os de Currás e os do blanco do Couto e o cabecilla era meu cuñado Pepe.
Collían un estandarte e ían coel atá á porta do cabecilla do outro bando e alí botaban cantigas insultando. Iba todo o mundo incluso homes de 60 anos. Unha vez viñeron os de Currás á porta de meu sogro e díxolle meu sogro ós fillos: "Vinde pra fóra, eu non bailo pero bailade vós".

¿Como se formaran os bandos?

Era un pleito que houbera sobre un carril na Agra de Mares. 'Tando as leiras sen froito ían os de Currás por alí, desde a casa de Avelino a Currás.
O pleito durou 4 ou 5 anos e así se formaron os bandos xa antes de chegar eu aquí. Despois aínda seguiron os bandos pola tradición e polos caprichos.

¿Que diversións había daquela?

O Antroido era a festa máis grande, coma o día do Patrón.
Había baile sempre tódolos días do antroido. Viñan tocar algúns músicos da banda de Corme ou viña o cego de Tella toca-lo acordeón. Eu acordo baile as tardes de antroido, diante da casa de Serafín o xastre, no Quinteiro ou no cuberto de Euxenio.

¿Como se facía o enterro do Antroido?

Facíase diferente ó de hoxe. Era un manoxo de palla con trapos e levábase nunha paralloa pra enterrar nunha leira, non había cura. A moda de levar cura penso que veu da parte de Mazaricos.
Aló á tardiña do día que lle chaman de "ceniza" enterrábase nunha leira, iban os homes sós, as mulleres miraban de lonxe.
Os do bando colorado enterraban ó blanco e os do blanco ó colorado. Algunhas veces facíanos en Tella e traíaos un carreteiro que viña dicindo: "Xa vén coa lingua fóra levado dos demos".

¿Hai moitos anos que se perdeu a tradición do Antroido?

Perdeuse despois da guerra. A guerra acabou coa harmonía que había, o disgusto da xente e a miseria.
Nas grandes cidades había moita relixiosidade e a autoridade suprimiu a festa, para todo había que sacar permiso.
E acabamo-la conversa cunhas coplas para este ano.

Axudávo-los de fóra
e non o tomés de espanto
se querés ve-los antruidos
vinde ve-los de Monte Blanco