ANTROIDO Coplas

1º PREMIO:

O testamento do Meco

Estando a tanto de tantos
do ano que vai en curso,
aquí me ten con testigos,
aquí me ten, señor Suso.

Ilustre Señor Notario
deste digno axuntamento,
con tódolos meus sentidos
veño facer testamento.

Anque se me vexa san
e pareza que estou forte
xa coñezo o mes destiño:
aprousímaseme a morte.

Xa me fraquean as pernas,
xa me caeron as moas
a xente xa vai pensando
en orellas e filloas.

Son o Meco, meu amigo,
e anque eu ben me coido
sempre me toca morrer
polo tempo do Antroido.

Por iso veño testas
que non quero levar nada:
a cadaquen vou deixar
a que lle tiña gardada.

Para o noso Presidente
guiso de morros con falda,
e un par de ronchas ben postas
donde se lle acaba a espalda.

Que lle piquen si se raña
que lle escoza si se para,
que teña que estar de pé
a ver si lle cae a cara.

E que non poda moverse,
e que esté ben amolado,
para ver si se decata
do mal que se está parado.

Algo terei que deixar
prós políticos galegos,
inútiles e larpeiros,
aburridos coma cregos.

Coma as abellas ó mel
ós cartos todos acoden;
lacazáns coma eles solo
nunca rouban... se non poden.

Despois de doce langostras
e tres bos pratos de carne
comentoume en confianza
o señor Fraga Iribarne:

"Hai chourizos no goberno
e tamén na oposición.
Solo eu non son chourizo
eu... ¡eu son un salchichón!"

Voulle deixar unha regla
i explico, por si na cacha:
pra endereita-la autopista
da Coruña astra Laracha.

Para os outros conselleiros
lupas, a ver si por fin
aparece dunha vez
o dono do Pelegrín.

Catro litros de colonia
para o veciño de Beiras.
Que non lle vaia a dicir:
"Home, Beiras, como cheiras".

Foi de ve-lo numeriño:
o Beiras moi cabreado,
berrando con todo o mundo
e co zapato quitado.

Eu xuro polos meus mortos,
co zapato i eses pelos
máis que Beiras parecía
cachucha e lacón con grelos.

 

 

A Santiago, unha escoba,
pra que limpe a Catedral
co conto do Xacobeo
disque que quedou fatal.

Viñeron tantos turistas
de todas partes de Europa
que cobraron mil pesetas
por medio prato de sopa.

Ó alcalde da Coruña
unha faixa prá barriga,
i a Arsenio i ó Deportivo,
medio título de liga.

Pró alcalde de Carballo,
máis guardias pra inaugurar,
por si vén o Presidente
e llo queren secuestrar.

Ó alcalde de Ponteceso
ben quixera, con cariño,
deixarlle o que máis lle falta.
¡Sentidiño, sentidiño!

E unhas antiparras novas,
e un diccionario ilustrado,
para ver si se decata
da xente que ten ó lado.

(Veremos cantas anguías
me pican neste escabel:
quen se pique, que se rasque,
o que a colla, pra el).

Os señoritos da Ponte
que che son moi comedores,
un restaurante na Feira
de cinco ou seis tenedores.

Con dous pisos e terraza
para garda-la bebida,
e media ducia de camas
por si levan á querida.

Para os homes e mulleres
da Asociación de Cospindo
tres homes que son moi serios
(porque nunca se están rindo).

Ruíz Mateos, Jesús Gil
e Mario Conde. Tres Santos.
¡Que homes para unha directiva!
¡Que tres pés para tres bancos!

A ver si descansa algo
anates de que lle caia o pelo
de tantas preocupacións
Xosé María, o Garelo.

¿Non vos decatades que
en dez anos de casado
co ben que o ceban na casa
o home non dá engordado?

É de tanto traballar,
o home non ten parada.
(Pola noite ca muller,
polo día ca criada).

De tanto como deixei
xa vou quedando sin nada.
Xe me vedes como estou:
¡casi en pelota picada!

E como eso non 'ta ben,
que é cousa moi prohibida,
que me poden levar preso,
a amáis hai roupa tendida.

Xa remato o testamento,
xa me despido de vós.
Hastra outra millorada.
Un abraciño e adiós.

X.A. MENTENDES

< < Anterior Seguintes > >