|
Letras
galegas
ACTIVIDADES
DESTE ANO
"Un
xeito de celebra-las Letras Galegas", por Pepe Carballude
O
domingo, día 17 de maio, invitado pola Asociación Cultural Monte
Blanco de O Couto (Ponteceso), fun presenta-lo número nove da
revista Insua, publicación digna de salientar non só por ser froito
do entusiasmo desta Asociación Cultural -con todo o que de esforzo
presupón-, senón tamén pola propia ubicación da mesma: O Couto.
Unha asociación rural, que subsiste e colle novos pulos día a
día. Algo increíble, ¿verdade?, se pensamos na escasa acollida
e concorrencia que teñen os actos culturais na vila de Carballo
e comarca en xeral.
Serían iso das doce e media da mañá cando chegamos á aldea. A
presentación da revista estaba programada para as 13,30. Aparquei
o coche á beira da estrada e decidín ir andando ata o local da
Asociación, que se atopa preto de alí, na mesma praza ou lugar
de encontro de tódolos veciños. Debo confesar que nun principio
pensei que asistiríamos a este acto e mais ós outros que estaban
programados, media ducia de persoas, acaso as mesmas de sempre
e algún que outro curioso. Pero cal foi a miña sorpresa cando,
ó final dunha pequena corredoira, sen asfaltar, pola que apenas
collía un coche ancho, albisquei un certo ambiente de festa. Preguntei
estrañado se realmente era alí a onde fora invitado e se, aparte
do día das letras galegas, se conmemoraba algo máis. Unha moza,
membro da asociación, explicoume como aquilo que, nun principio
nacera coma un acto cultural máis, ficara agora convertido noutro
día de festa, incorporado ó calendario anual ata o punto de festexalo
en moitas casas como o día do santo patrón.
Logo
nos detalles -pequenos e grandes-, no interese dos organizadores,
na rebordante ilusión dos pícaros e na alegría da xente maior,
fun comprobando o moito coidado e a delicadeza con que se tratara
aquela que, sen dúbida, era xa a festividade das nosas letras,
poñendo cadaquén todo o mellor que sabía.
A
aldea en pleno botárase á rúa e as xentes víanse contentas pola
acollida que estaban tendo tódolos actos en xeral. Segundo entrabas,
á man dereita, como saudando ó visitante, aparecían, recortadas,
as distintas noticias que se deran de O Couto ó longo do ano.
Logo exposicións de libros, alfarería, gaitas e zanfoñas feitas
nas comarca, maquetas de barcos de séculos pasados. Demostración
do cesteiro, do zoqueiro, da fiandeira. Non faltaban rosquilleiras
e non sei cantas outras cousas difíciles de imaxinar noutros
lugares semellantes. Quedei pensativo, ó ver canto se pode facer
pola cultura nunha aldea coa dirección duns cantos mozos e mozas
e a axuda desinteresada e útil de tódolos veciños. Algo digno
de memoria e de imitar por moitas aldeas e recantos do noso
país que co aquel de que non hai xente e ninguén quere arrima-lo
ombreiro...
Xa
de volta para a casa había unha idea ou quizais a lección que
acababa de aprender agromaban na miña mente: se moitos lugares
imitasen o labor da Asociación Cultural Monte Blanco de O Couto,
o día das letras galegas sería todo o ano, non unha actividade
máis, esmorecida, á que hai que homenaxear para que saibamos da
súa existencia.
|