A ASOCIACIÓN

18 anos de vida, 18 anos traballando arreo pola cultura

Monte Branco, Monte Branco,
cando te vexo de lonxe
verto a soas triste pranto.

Pois as nosas alegrías
ós dous nos fono fallando;
a ti, das túas areas
os ventos te despoxano;
a min, tamén me fallecen
aqueles gustos pasados;
¡ti negreas i eu teño a cabeza
chea de cabelos brancos!

Eduardo Pondal.

 

Alentados polo espíritu que o vate da "pequena Ponteceso" deitara no aire afrontamos, desde o nadal de 1982, a tarefa de sermos educadores nun tamén pequeno nucleo rural coñecido polo nome do Couto. A cultura non é só terreo de grandes cidades. Persoas do Couto, da Brixería, da Cepeira, de Carballido, de Brantuas, da Ponteceso, da Trabe, de Tella tamén teñen o dereito de amar a Galicia. E, en certa medida, iso foi o que intentamos ao longo deste tempo. Crermos, cada vez máis, e facerlles crer aos restantes que, desde séculos existe un país con identidade de seu. Un país que tiña como alicerce unha lingua de seu, menosprezada, arredada da escrita, das táboas do teatro, en definitiva menosprazada.

Coa nosa laboura intentamos aportar un pequeno grao de trigo á gran hucha da cultura galega. E fixémolo da mellor maneira que podiamos entender. Aínda que o fundamental, para nós, foi achegármonos a todos os socios e a todos os veciños.

Para iso a nosa oferta foi plural, divertida, lúdica, engaioladora, mais tampouco descoidamos o formativo e o educativo. Os maiores disfrutaron nas festas do nadal cos reis, nas do entroido coas comparsas e co enterro do entroido. Cada festa da parroquia contou coa nosa colaboración máis directa. No verán os máis pequenos encontraron na Casa dos Veciños (e antes en calquera galpón da aldea) un espacio onde xogar, mais tamén un espacio onde aprender divertíndose. Non esquecemos a saúde, a pintura, os distintos obradoiros de música ou de artesanía. O sector agrícola contou coa nosa pequena axuda trala celebración dunhas xornadas agrarias. Tamén o asociacionismo bergantiñán tivo espacio para o debate na Casa dos Veciños.

Sen embargo a actividade que proxectou a nosa asociación fóra dos lindes da parroquia de Cospindo, fóra dos lindes do concello de Ponteceso, foi a celebración das Letras Galegas e da Feira da Artesanía. Eventos ambos que naceron humildemente nas beiras da Praza do Quinteiro e que foron espreguizándose polas calellas da aldea abaixo ata o actual espacio da Casa dos Veciños e leiras dos arredores. Escritores como Manuel María, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, Bernardino Graña, Uxío Novoneyra, Fina Casalderrey, o grupo Brais Pinto ou o Batallón Literario da Costa da Morte, teñen as súas placas de homenaxe nos soportais da Casa dos Veciños. Eles visitáronnos gustosos, alentados tamén pola longa sombra pondaliana.

A música galega tamén formou parte das Letras. Grupos folc como A Quenlla, Milladoiro, Carlos Nüñez, Xosé Manuel Budiño, Saraibas, Leilía, Cempés, e outros encheron de maxia o ceo do Monte Branco. Grupos de danza tradicional, gaiteiros, bandas de música, orquestras de cámara, escritores que cada ano presentan a súa colleita no salón de actos da nosa sé social, xunto con un longo etcétera, foi conformando día a día, maio a maio, o noso cativo ramo de flores.

O alento de Pondal continúa á nosa beira. O cansazo que nos abate cada final das Letras non dobrega o sorriso dos visitantes que nos acompañan en cada xornada do mes de maio. A Cultura, a Asociación Cultural Monte Branco respira con folgos de mocidade. Quen coma ela, de dezaoito anos, coas súas brancas areas.

Certo este é Lestemoño,
cos seus prador arredor;
aquel é de San Vicente
da Graño o rueiro bo.

Aquel outro é Carballido,
a Cepeira máis acó;
e Trezo e a Brixería,
e o Briallo no seu altor;
e o Couto, e o seu Campanario
garrido e branqueador,
que Gamallo antigo obrou;
e Currás e a Matigueira,
preto do mar más aló
criadora de figos bos.

Lugares, caros lugares,
¿non me conocedes vós?
¿Tan mudado me atopades
daquel tempo que pasou?
Certo, vós sóde-los mesmos,
mas eu, o mesmo non son.

Eduardo Pondal.