¿QUE DIN DE NÓS?

Cartas recibidas

Lugo, 15 de marzo de 1995.

Queridos amigos:

Cando se é do Couto, parroquia de Cospindo, ó carón da pequena Ponteceso, e enriba se escolle o nome de Monte Branco, xa non é raro ver grandes feitos. Un grande feito é este voso ó redor do Día das Letras Galegas de 1995. Nun pequeno lugar de Galicia, o máis grande programa de orgullo e coñecemento nacional; unha aldea ensinando educación ás sete famosas cidades con todas as súas universidades, academias e outras tristezas. Don Eduardo Pondal rebentaría hoxe de gozo de ser de aí, voso veciño. Póñome un pouco lírico, pero é que estou sobrecollido de tantas cousas e todas tan boas que van converter o Couto en capital cultural de Galicia durante o próximo mes de maio.

É pra que todo cadre e sexa poeticamente simétrico, coroadea a obra cunha bárbara xustiza histórica: pra falar de Pondal, o mellor poeta do noso Rexurdimento, levades o Ferrín, o mellor poeta do noso tempo. Os dous máis altos cumes da nosa poesía xuntos unha hora no cume do Monte Branco.

Queridos amigos, se toda Galicia fose coma vós, Galicia ardería e faríase libre. Esta á unha das ocasións que eu quixera mellor crer en Deus, só pra podervos dicir: ¡Que Deus vos bendiga!

Unha aperta fraternal,

Darío Xohán Cabana