|
Cartas
recibidas
Asociación
Cultural Monte Branco
O Couto-Ponteceso.
Lido
o borrador do ambicioso programa da Semana das Letras Galegas
eleborado pola Asociación Cultural Monte Branco, quero manifestar,
en primeiro lugar, o meu asombro e admiración pola cantidade,
calidade e diversidade de actos programados, que, de se levaren
a cabo na sua maior parte, sen dúbida constituirán un evento importante
e de difícil superación, marcando un camiño a seguir por outras
asociacións culturais do país, algunhas tal vez con máis posibilidades
materiais.
Como galego e bergantiñán non podo deixar de me sentir orgulloso
de comprobar o dinamismo, esforzo e dedicación dunha Asociación
que loita por potenciar e difundir a cultura galega, sen se esquecer
de lle render homenaxe ao insigne bardo que, nacido "cabo de pinal
espeso", soubo mitificar as terras de Bergantiños e proclamar
"a redenzón da boa / nazón de Breogán"; e sen tampouco se esquecer
dos escritores bergantiñáns actuais que, cada un no seu campo,
intentan contribuír ao florecimento da nosa cultura.
Difícil resulta achar algunha caréncia relevante en tan completa
e equilibrada programación, pois nela non falta a debida atención
ás diferentes actividades artístico-culturais nen aos diversos
sectores sociais, coa xusta atención preferente aos nenos e mozos,
verdadeira esperanza para dar cumprimento á profecía pondaliana.
Considero un grande acerto dedicar un dia á nosa língua, ademais
da merecida homenaxe a Bernardino Graña e a lóxica atención á
figura de Rafael Dieste. Mais non o son menos as actividades lúdicas,
a potenciación da imaxe, do teatro, da música, etc... Por outra
parte, a activa participación de personalidades tan destacadas
da nosa literatura como Neira Vilas, Manuel María, Bernardino
Graña ou Méndez Ferrín xustifica por si mesma a importáncia desta
Semana das Letras Galegas.
Só me cabe desexar que estes proxectos se consigan levar a cabo
e que todo saia tan ben como os seus organizadores se merecen,
felicitando-os pola brillante iniciativa e animando-os a seguir
polo mesmo camiño en defensa da nosa língua e cultura.
A
Coruña, 16 de Marzo de 1995
Xosé
Ramón Freixeiro Mato
|