¿QUE DIN DE NÓS?

Cartas recibidas

ASOCIACIÓN CULTURAL MONTE BRANCO

PONTECESO

Benqueridos amigos:

Con bastante demora póñome en contacto con vostedes. Pido desculpas. Este ano ando a cabalo entre Tirán (Moaña) e A Coruña, mal instalado, nervioso, con cantidade de compromisos con editoriais, con pouco tempo para lecer... En primeiro lugar pido perdón por non ter correspondido por escrito cando me escribiron ofrecéndome todo o estupendo programa que esa Asociación organiza arredor da miña obra. Falei con Carlos Díaz e díxome que xa bastaba con que houbese conversado encol do asunto con el e que el lles transmitiría a miña emoción. Créanme que non sei se saberei estar á altura das circunstancias e que nunca me vin nun programa así, tan de homenaxe. A ver como podo levalo. Porque é moito para min.

Con relación a todo o demais que fan vostedes, polo que vou vendo, é impresionante, digno de todo aplauso... Remexen vostedes como é debido na néboa da indolencia, medo e sono deste pobo ao que Pondal dixo "desperta do teu sono" e penso que acadarán faiscar iluminación e atención e, sobre todo, a luz da conciencia, do necesario autocoñecemento.

Por favor, descúlpenme por non ter escrito antes.

O meu fondo agradecemento e os meus saúdos de respecto e amizade para o Presidente, D. Xosé María Varela Martínez, para o asesor Xosé Manuel Varela e para os demais membros da Asociación.

Atentamente

Bernardino Graña

A Coruña, 30 marzo 1995.