¿QUE DIN DE NÓS?

Cartas recibidas

Carta á Asociación Monte Branco do Couto

É para min una honor esta homenaxe da Asociación Montebranco do Couto, dos homes das terras de Pondal, un poeta meu tan querido e tan lido que non hai verso que non me resulte mesturado coa mocedade no Courel.

A miña conciecia de Galicia, o meu fervor de Galicia, non os deprendín da Historia escrita, nin das festas políticas nacionalistas galegas do XIX ou do XX, recibinos direitamente do meu pobo e dos poetas do meu pobo i entre eles do Eduardo Pondal. Por eso teño ligados a miña conciencia e decisión galega o mundo popular das xentes e o mundo poético galego, por iso me emociona tanto recibir ista homenaxe dos homes das terras de Pondal xuntos, na Asociación Monte Branco, e gostaríame pensar, soñar que cada comarca de Galicia tivera unha asociación libre tan esforzada e solidaria coma esta. E gosto de pensar que o meu nome gardado e gravado en pedra quede eiquí con vós pra sempre até que esas paredes nunca se caian.

O outro día, o día quince, estuven eiquí cos nenos/as e rapaces e xóvenes dos dous colexios de eiquí e de Corme e do Instituto e vin cumprido todo o que pode esperarse dunha asociación impartida por un grupo de profesores integrado i esforzado.

Se tudo o país tuvera insinantes coma estes eu non tería dudas do noso futuro galego.

Quero repetirles hoxe a tódolos nenos, nenas, rapaces, xóvenes e profesores-profesoras dos tres centros as gracias polo que me deron nas tres horas cheas, pleas que pasei coeles nese día.

Recordareinos e recordareivos pra sempre como me pediron por escrito dúas nenas de nove anos en Corme en sendos papaliños cortados a mao: "para que te acordes de min".

Acordareime de elas e de todos vós namentras teña acordo.

UXÍO NOVONEYRA.