¿QUE DIN DE NÓS?

Cartas recibidas

Amigas e amigos:

Eu, que sempre precisei de treguas para a reflexión, logo daquel primeiro encontro que tivemos, estiven botando unha ollada ás memorias e diferentes publicacións que a Asociación vén elaborando dende hai máis de 15 anos. Así recibín o delicioso perfume dese frasco pequeño que é o lugar do Couto. Un perfume caro en esforzos colectivos e cun recendo duradeiro que, ben seguro, chegará ós narices de moitos gobernantes coma uns pos de pica-pica que deberían enrubescer as súas meixelas.

Sinto que non me saia dos adentros seguir polos símiles literarios. Estou sincera e felizmente abraiada de tanta constancia, de tanto abano de actividades para as que o adxerivo interesante me parece escaso. Vós vides limpando o lixo dos cristais dunha descoñecida casa propia que a broza tapou demasiado tempo. Axudastes a que se poida ver con máis nitidez o que garda no interior e mesmo a que poidamos ver reflectida, en cada vidro, a imaxe da nosa identidade.

Non sei se polos puntos en común ( muller da aldea… ) conmóvenme especialmente a iniciativa de publicar os poemas enéditos de Asunción Antelo, desa artista que leva sangue do Bardo e carraxe do Anllóns nas súas veas e ás de bolboreta na voz.

Souben das moi merecidas homenaxes a Manuel Maria, a Anisia e a Neira Vilas, a Bernardino Graña, a Uxío Novoneyra… Que o meu nome poida aparecer a carón do destes heroes da resistencia, fai que o meu sentir se volva acordeón que estarrica emocionado e que mirra de medo de demostrar esa emoción, pois estou na certeza de non merecer tal honra. Sei que o debo interpretar coma unha homenaxe colectiva a toda a Literatura Infantil e Xuvenil que se vén facendo en Galicia. Iso axúdame a levalo mellor.

Gracias por me facer escoitar músicas de acordeón.

Unha aperta.

Fina.