Texto : Xan X. Fernandez Carrera 
Fotos : Mariño  
 
O nome de Coristanco está asociado desde hai anos ao cultivo da pataca. Este producto que raramente falta en calquer prato galego ten na comarca de Bergantiños -e en particular na terra de Coristanco- un dos mellores lugares de cultivo de todo o noso País. 

A conxunción da climatoloxía húmida e morna desta parte occidental de Galicia coas óptimas condicións dos seus solos explican as características inmellorables que esta zona reúne para o cultivo do tubérculo. 

A fins dos anos setenta, constitúese en Coristanco a Cooperativa da Pataca de Bergantiños (COPABER) coa intención de espallar e potenciar a venda e comercialización deste excelente producto que se recollía na zona. Vencellada á Cooperativa desde o seu comezo, nace no ano 1980 a Festa da Pataca, unha das principais actividades de promoción da principal riqueza agrícola da comarca. 

A Festa da Pataca de Coristanco mantivo unha estructura semellante ao longo das súas primeiras edicións, acadando unha grande sona en toda Galicia e sendo unha das festas gastronómicas máis concorridas. Por igual que outras festas deste tipo, tódalas actividades concéntranse nun só día e sofren escasa variación dun ano para outro. Boa parte das actividades programadas van dirixidas á xente do campo, que se converte na principal protagonista. 

A actividade festiva comeza pola mañá coa concentración de tractores engalanados diante da antiga nave que perteneceu á hoxe desaparecida Cooperativa. Grupos de gaiteiros e bandas de música deleitan aos habitantes da vila con animados pasarrúas. 

Arredor das once da mañá, comeza o desfile dos tractores desde o lugar de concentración ata o recinto da festa, situado no patio exterior do Colexio Público de Traba-Coristanco ; este desfile ven acompañado de grupos musicais no entanto que se van preparando as distintas actividades que complementan o programa (exposición de productos do campo e pratos elaborados principalmente con patacas). 

A continuación celébrase unha misa de campaña no mesmo recinto, seguida pola lectura do pregón por algunha personalidade do mundo da política ou da cultura resaltando a importancia da pataca desta zona como producto alimenticio. 

Despois do pregón, outórganse os premios do concurso gastronómico e dos productos do campo. Os grupos de gaita e de danza animan e aledan o bule-bule do banquete ofrecido de xeito gratuito a todos os asistentes. Ao menu : sardiñas, cachelos e viño. 

Tras o xantar reanúdanse as actividades con dous concursos ; a "apaña das patacas" consiste en recollelas dunha ringleira no menor tempo posible, e no "baile da pataca" prémiase á parella que resiste máis tempo bailando cunha pataca suxeita entre as dúas testas. 

Contra a tarde tamén se programan diversas actividades dirixidas aos cativos, así como algunha actuación musical. 

Remata a festa cun baile pola noite no centro da vila, no mesmo lugar onde se celebran as festas patronais. 

Como se pode observar, esta é a estructura propia da festa, pero este día é moito máis que isto ; é o día no que centos de labregos síntense unidos e verdadeiramente productivos, é o momento no que se tiran á luz aqueles froitos dos días de esforzo, sentíndose eixo dunha maneira de vivir...  Que sería de nós sen as riquísimas castañas da terra ???

 
 
Breve historia da pataca | A pataca en Galicia | A pataca en Bergantiños |
Pataca en Coristanco | A cómo vai a pataca