
| O nome científico da pataca, rexistrado
por Bauhin en 1598, responde a "Solanum tuberosum L.", nome co que figura
na obra de Linneo Species Plantarum.
Trátase dunha planta da familia das solanáceas, herbácea, anual, con raíces fasciculadas, bastante desenvolvidas e un pouco profundas, especialmente nos chans deficitarios de auga. É un tubérculo cunha alta porcentaxe de auga (75%), hidratos de carbono (12-20%) e proteínas (4%). Tamén é rica en vitaminas do complexo B, C e A, en ferro, potasio, cobre, flúor, cloro, iodo, sodio e magnesio, todos estes elementos indispensables para medrar e manter unha boa nutrición. O lugar de orixe da pataca sitúase nos
Andes chilenos e peruanos. Moito antes do descobremento de América
xa se cultivaba nese continente.
Na segunda metade do século XVI empezaron
a cultivarse no Reino de España, parece ser que no Reino de Galicia.
Posteriormente pasou de España a Italia e Francia, e de aló
a Europa Central. Na Gran Bretaña arribou das súas
colonias norteamericanas, e a introducción
no resto de Europa aconteceu por diferentes vías ; as campañas
dos exércitos de Carlos V e Felipe II por todo o continente foi
unha razón fundamental. Tamén foi un acto destacable o feito
de que o rei Felipe II lla regalara ao Papa Pio IV para mellorar a súa
saúde igual que a outros monarcas como pranta ornamental. O traballo realizado polo francés Parmentier consiguiu que, en 1788, o rei Luís XVI autorizase o cultivo da pataca a xeito de ensaio nunha leira de 36 Has. Os resultados obtidos foron tan positivos que, a partires dese intre, o labor deste tubérculo extendeuse e adquiríu magna impotancia na economía agraria, ata o punto que a fins do século XVIII era considerado artigo de primeira necesidade e un dos principais cultivos. Moitos estudiosos consideran que sen a pataca non sería posible a superpoboación de Europa e, por consecuencia, o seu progreso e revolución industrial. A primeira relación de variedades que se coñece débese ao irlandés Rye. Foi publicada en 1730 e describía cinco variedades : branca de rinle, branca redonda, amarela, encarnada redonda e negra. Hoxe resultaría imposible precisar o número de variedades existentes porque a investigación aplicada á xenética vainos descubrindo novas castes cada día. Ao mesmo tempo, déixanse de cultivar outras por seren superadas en calidade, rendemento, resistencia, etc. |
|||||
