|
CHEGOUME CASA
vouga de Xosé Manuel Varela
e naceu un novo bardo en Bergantiños, que canta á súa terra. O amado
país celta dos carballos sagrados é agasallado estes días cun novo
libro, que fala desta terra nun logrado feixe de poemas, intelixentemente
ilustrados por Miguel Anxo (xa é coincidencia)
Calvo.
Xosé Manuel, o incansable dinamizador
cultural, que «é capaz de organizar unha Olimpiada sen despeinarse»,
en feliz achado referencial de Xurxo Borrazás,
xa é poeta. Un poeta que, coma tal, sente amor e compaixón polos
devanceiros; as pantasmas amigas, que pasan frío nunha casa vouga
xa sen alento co «ceo aberto ó ventimperio». Unha casa
vouga que se transforma nunha Malpica
pletórica e vital onde «verás a longura do océano» e as baleas
de Lugrís, que parecen fermosos chafarices
no medio do mar, nunha bela imaxe na que Xosé
Manuel compara o chorro vertical das artísticas fontes de
inspiración portuguesa, chamadas chafarices, co poderoso sopro de
vida dos cetáceos, que en tempos idos enchían de saín, fartura e
vida de cando en vez as minguadas despensas dos primeiros malpicáns,
para que non chovese sempre na casa do pobre.
Outras veces séntese, non podería ser doutra maneira, a influencia
do bardo principal, con simbólicos corvos que grallan nas chairas
invernais, e na intención expresa do autor de ser enterrado na Pedra
da Arca, quen solicita, cun hipérbato moi pondaliano, que «cando
eu morrer quixera ser enterrado baixo a memoria das túas pedras».
Libro de ilusión, pero tamén de capacidade e oficio, onde se demostra
unha requintada forma de escribir, que domina, sen carpintería superflua,
as técnicas da expresión poética nun libro máis evocador ca descritivo,
no cal Xosé Manuel se nos manifesta seguidor de Marcel Proust, o
descubridor da literatura moderna e do poder evocador das palabras.
Poesía transparente
En Casa vouga as
digresións pesadas foron depuradas e tiradas ao cesto dos papeis
e as palabras pedantes, sacadas sen arte dos diccionarios, foron
felizmente desterradas, de maneira que non atoparedes nesta obra
vocábulos artificiais de coleccionista pseudoescritor, que xunta
palabras coma se fosen ringleiras de bolboretas mortas.
Casa vouga é poesía transparente, que
deixa ver os sentimentos e a cosmovisión do seu autor, como as cristalinas
augas do río de Vaa deixan ver as pedriñas lavadas do seu fondo.
É tamén un libro que amosa empatía e simpatía polos mariñeiros de
mans aterecidas polo frío. ¡Que inmisericordioso é o mar no inverno!
Son moitos os sentimentos que desfilan polas páxinas desta obra:
As cruces sen nome dos que vagan polo mar da eternidade. A noite
que o mar trouxo un concerto de acordeóns. O valor inmorrente da
amizade. As mulleres oleiras de Buño de amplas cadeiras coma se
fosen ánforas, que paren formas e fillos. O sombrizo outono de follas
caídas no camiño.
Casa vouga é, en fin, e quizais nunca mellor dito, un libro de fortes
raigañas, de fondo sabor telúrico e de amor pola terra nativa, pero
tamén un libro de rebelión honesta contra unha casa vouga e erma,
lograda metáfora dunha Terra, dunha Galicia, que o autor non atura
vouga cos seus fillos emprendendo o camiño do pobo hebreo, cando
non masacraban palestinos, e ían na procura doutras lúas e fortunas.
Abofé que me soubo ben esta Casa vouga.
|