|
Anque existe algunha edición anterior que tratou
de rescatar estes "Contos" das voandeiras
follas da prensa e darlle unha certa sistematización, é a presente
edición a que realmente cumpre con esa nobre misión de organizar
nun corpo unitario a que, sen dúbida, é a obra narrativa máis salientable
dun escritor que foi considerado fundamentalmente coma poeta.
A tal respecto, resultan esclarecedoras as "notas"
introductorias de Xosé Manuel Varela
sobre a breve reseña biográfica, o contexto histórico no que se
move o autor e do que xorden estas narracións. Pola súa banda, Xosé
Mª Lema Suárez, co seu "comentario lingüístico", avísanos
das dificultades que padecía a nosa lingua, baixo a preponderancia
do Castelán, naquel seu rexurdimento finisecular. Estas notas sitúan
o lector no marcho histórico dunha España decadente e dunha Galicia
rural, foreira e caciquil, que só era o "Noroeste Español", productor
de "carne humana para exportación", como
máis tarde escribiría Castelao.
Como moi ben escribe Xosé
Manuel Varela, Labarta Pose é
fiel á tradición popular do conto oral transmitida pola "maxia
viva coa que os avós relataban ós seus netos na lareira aquelas
historias herdadas de vello". Nese sendito, vai a importancia
deste libro, porque os nenos de agora xa non teñen nin lareira,
nin contos, nin case avós. Subxugados polos medios audiovisuais,
resultan con frecuencia deformados para o eido educativo e alienados
no seu propio medio social.
É moi recomentable, pois, a lectura destes
oito contos, porque nos achega e nos ilustran sobre as peripecias
daquela sociedade carente das mínimas condicións para unha vida
digna, e que Labarta Pose coñecía moi
ben. Describe nestes relatos, como moi ben sintetiza Varela,
"o modus vivendi dos labregos, dos mestres, dos médicos rurais,
dos membros da administración local e dos ricachóns -base, endago
eu, da pirámide caciquil-, e tamén das súas romarías, crenzas e
costumes populares". Por eso, teñen -conclúe Varela-
un gran valor antropolóxico". Así é.
|