CÓMO O VEN

Evaristo Domínguez Rial, "Camiños polo concello de Malpica de Bergantiños. Un roteiro moi fácil de seguir".

El Periódico de Bergantiños, maio 2001, p. 16.El Periódico de Bergantiños, maio 2001, p. 16.

O Instituto de Estudios Bergantiñáns, como unha máis dentro das actividades que leva a cabo, vén de falla-lo premio da convocatoria Bergantiños desde os libros co que se pretende resalta-la obra daqueles autores nados ou residentes en terras bergantiñás ou que teñan relación con estes marabillosos eidos cantados por Pondal. O labor de selección resultou bastante difícil dada a calidade dos traballos publicados ó longo do 2000.

A obra que este ano mereceu o recoñecemento do xurado cumpre as dúas condicións: se-lo parto literario de dúas persoas oriundas da terra, e tratar sobre ela; a saber. Os autores son Xosé Manuel Varela Varela e Héctor M. Pose Porto, e a obra, un libro guía de itinerarios por ese fermoso concello de Malpica, onde comeza a agreste, fermosa e literaria Costa da Morte.

Se quixesemos face-la semblanza persoal dos autores, probablemente nos quedasemos curtos á hora de valora-los méritos de ámbolos dous. Asumindo ese risco diremos, entre outros comentarios, que Xosé Manuel Varela é un dos máximos coñecedores da vida e obra literaria do baiés Labarta Pose para o que moitas persoas e colectivos da Terra de Soneira e de fóra dela, teñen solicitado que se lle adique o Día das Letras Galegas. Non só prestou atención a escritores consagrados -Labarta- senón tamén a outros representantes do saber e cultura popular como a poetisa autodidacta María Baña, o insigne crego de Cesullas, Saturnino Cuíñas; ou a promoción turística do Concello de Cabana, xunto co grupo Milladoiro. En ámbolos dous campos podemos dicir que Varela traballa moito e ben.

De Héctor M. Pose non temos máis referencias que o que puidesemos ter lido a través da prensa sobre as numerosísimas actividades culturais que, como técnico de Educación e Cultura do Concello de Malpica, ten desenvolvido. O feito de que sexa profesor na Universidade da Coruña é unha proba máis da súa valía.

Ámbolos dous amosan un exhaustivo coñecemento da súa terra e tamén un profundo amor por ela, senón non se explica o detallismo e o labor calado e, ás veces ingrato, de investigación histórica que hai en cada un dos doce itinerarios propostos. Como se di no seu limiar: "Este é un libro de camiños, de iniciación, libro que nos convida a coñecer un territorio singular e mítico". Non se limita a facer unha descrición superficial do que nos podemos atopar en cada ruta senón que ó introducirnos na súa lectura semella que nos estamos mergullando na visión de todos e cada un dos recunchos que se nos van describindo de xeito tan, diriamos, poético pero, non por iso, menos rigoroso. É de destaca-lo excelente traballo de campo, de investigación histórica, a amenidade da súa lectura, a coidadísima edición e a profusión de material gráfico e fotográfico que nos permite ver dunha simple ollada o máis interesante de cada rota proposta.

Só nos queda expresa-la nosa felicitación ós autores polo premio que o único que vén a ser é un feito de xustiza polo traballo desenvolvido e, ó Concello de Malpica, pola súa publicación e porque no sucesivo vai ter algo a que bota-la man para espalla-lo coñecemento das súas riquezas culturais, históricas e paisaxísticas entre tódolos seus visitantes. A ben segura que os lectores deste fermoso libro lle agrecerán á Corporación o apoio prestado.