|
Xosé Manuel
Varela e Héctor Pose, Héctor
Pose e Xosé Manuel Varela, "tanto monta, monta tanto", son dous
malpicáns que senten a súa terra. Froito desta angueira é o libro
Camiños polo concello de Malpica que,
malia estar escrito a catro mans por Héctor e Xosé Manuel, explica
e recrea de maneira afinadísima, coma se de dous virtuosos pianistas
se tratase, as paisaxes que os viron nacer.
Aquí o varudo, que diría o noso
poeta máis principal, Forno do Forte, "morto" dende había anos,
e recentemente "resucitado" para lecer dos amantes da olería de
Buño. ¿Quen o amañou? A autoridade e mailo pobo chan, todos a unha,
"no me toquéis la rosa".
Acolá o mítico monte
Neme ou Nemio que, coa súa sempiterna boina de nubes e néboa
vixía, dende o cerne da nosa historia, as terras bergantiñás, productoras
de trigo limpo, bos carballos e mulleres bonitas, que por iso un
servidor veu aquí casar.
No libro tamén "viven", en só
os 25 x 15 centímetros de cada unha das súas follas, obras da natureza
tan grandes coma o Carballo de Santo Estevo,
onde o sincretismo pagán-cristián se amosa no nome do santo e no
carballo, especie arbórea que tivo un marcado carácter mítico na
antigüidade.
Preto da prodixiosa árbore, noutra
páxina do libro, batemos cunha sorprendente abellariza, protexida
por altos muros -recentemente restaurados- de larpeiros e ladróns,
que non se fixo o mel -dispensando- para a boca do asno. Pero...
¿quen amañou esta singular construcción? Xa volo dixen denantes,
a autoridade e mailo pobo chan, todos a unha, "no me toquéis -estoutra-
rosa, que tamén é bela".
Como nun roteiro por Malpica non
podía falta-lo mar, velaí a nariguda punta
Nariga, co seu faro excepcional, obra do arquitecto pontevedrés
César Portela.
Tamén as illas
Sisargas, todas rochosas e cheas de rechouchíos de gaivotas.
A Area Grande ou a praia
de Ceiruga, criadora de robalizas de cor de prata.
O castro marítimo de Punta
Galeana, habitado polos inevitables mouros da lenda. A chamada
Furna dos Espíritos, de engaiolante
e ó mesmo tempo aterrecido topónimo. E os percebes, que denantes
de estar no prato, teñen que ser arrincados pola man forte e valente
dos percebeiros.
Despois vén a
Atalaia de Malpica de Bergantiños, coas súas casas penduradas
que nunca teñen vertixe. Dende as súas fiestras abertas os devanceiros
malpicáns serían quen de ve-lo paso das baleas, verdadeira carne
de mar, que propiciou o nacemento da vila. Logo Lugrís,
en agradecemento ós grandes mamíferos mariños, recreou, con mestreía
de xenio, estes espectaculares cetáceos nun mural feito para a Confraría
de Pescadores.
Logo de tanto camiñar, pois o
libro que estamos comentando, como o seu nome indica é para ser
lido, mais tamén para ser andando, o camiñante pode busca-lo xantar
reparador en calquera establecemento do interior ou da costa, que,
abofé, ha ser abundante e saboroso. Dunha terra e dun mar como o
de Bergantiños non poderiamos esperar outra cousa.
¿E quen inaugurou tanta creación
e riqueza? Asegúrovos que non puido ser fillo nacido de nai.
Todo isto e moito máis no libro
de Xosé Manuel e Héctor.
Ide, pois, que, como dixo outro poeta, "caminante no hay camino,
se hace camino al andar".
|