CÓMO O VEN

Ramón Nicolás, "Casa vouga. Poemas de Xosé M. Varela".

Faro da Cultura, Vigo, nº 92, xoves, 23 setembro 2004, p. 4.

Sorprenden, e gratamente, estes primeiros versos publicados en forma de libro de Xosé Manuel Varela, docente de lingua e literatura, especialista en diversos escritores e colaborador en diversos medios, que chegan até o lector en forma dunha ricaz colaboración con Miguel Anxo Calvo, responsábel da elcuente e significativa obra gráfica que acompaña e enriquece estes poemas, alicerces tamén dunha suxestiva vontade de chegar coa imaxe e mais coa palabra alí onde non é común a súa presenza.

Casa vouga fai pensar, sen ir máis alá, na recorrencia que a simboloxía do lar nativo, por veces estreitamente vinculado ás nocións de terra, orixe, patria ou mesmo no que se refire á dimensión máis íntima, se deixa e se deixou ver en moi desemellantes poemarios da nosa tradición literaria, e aínda naqueles ben próximos ao noso tempo como o magnífico Casa última de Xulio Valcárcel, Casa ou sombra de Rafa Villar, entre outros moitos.

Porén e singularmente, esta casa que recrea simbolicamente Xosé Manuel Varela é, ao tempo que unha dolorida e lacerante pregunta arredor do ubi sunt?, unha non menos magoante realidade que percorre os camiños do baleiro, do que está afastado, do abandono radical mesmo, onde «a morte peta ás portas con roupa de viúva», sen que por iso, máis ben ao contrario, deixe de pairar unha intención recorrente que procura a esperanza, a revitalización do lugar comunal recorrendo para iso aos valores fundamentais que o poeta revela na amizade, na idea expresada con teimosía de recuperación da memoria, até nunha inequívoca vontade telúrica: «Quixera collerte, terra, coas mans, // quixera collerte, digo, terra de terra, // coma quen procura un estraño feitizo».

Varela transmite, con acerto, as vivencias e as paisaxes que rodean a esa casa vouga, agora centro fulcral do seu interese. Velaí, nun pertinaz ecoar da pertenza orgullosa ao clan, a presenza de Buño, Carballo, Anllóns, as Sisargas, o Val de Traba, Malpica ou Cerqueda, mesmo o mar de Niñóns que nos leva da man á omnipresente reivindicación do mar -por veces dialogando coa tradición literaria: «O mar trouxo unha noite de acordeóns, // na madrugada desveláronse tódolos naufraxios», onde morte e vida agalgan xuntos sen cesar nun horizonte inacabábel.