|
Do escritor finisecular Enrique
Labarta Pose resultaba, arestora, francamente difícil acceder
á súa obra galega. Para paliar este baleiro a colección "Narrativa
de Onte" da Editorial Galaxia dálle continuidade ás súas
propostas e, tras recuperar ¡A besta!
de Xan de Masma e mais A
campaña da Caprecórneca de Luís Otero
Pimentel, ofrece agora unha edición dos contos galegos de
Labarta nunha edición de Xosé
Mª Lema Suárez e Xosé Manuel Varela.
A última contribución, fóra das achegas de Varela
Jácome, Carballo Calero e Modesto
Hermida, que se realizara arredor deste autor natural de
Zas e moi popular no seu tempo consistira, que saibamos, nunha tese
de licenciatura do propio Xosé Manuel Varela
quen agora nos informa nestas páxinas do percorrido biográfico de
Labarta, alén de contextualizar a obra
e de engadir algunha nota literaria, que quixeramos máis extensa,
arredor destes contos agora exhumados.
Labarta, amais
de posuír algunha obra dramática, narrativa e poética en galego
e castelán, destaca na nosa literatura polo seu papel como animador
e respondable da aparición dun monllo de revistas literarias como
Galicia Humorística, La Pequeña Patria, Extracto
de Literatura ou Galicia Moderna
entre outras, nas que desenvolveu un apreciable labor como creador
e divulgador.
Con todo, nestes oito relatos que aquí se nos
presentan, articulados desde unha perspectiva de bo coñecedor da
tradición oral do conto popular, resulta máis discutible a súa calidade
literaria. Como os editores ben sinalan, trátase de textos que teñen
máis valor como documentos antropolóxicos e etnográficos. O forte
saibo ruralizante que enche todas as súas páxinas anula, se pensamos
noutras contribucións contemporáneas ás súas como as de Álvarez
de Nóvoa, a posibilidade de engadir algo orixinal ou novo
para o seu tempo. Labarta, así pois,
ha quedar na historia da literatura máis como o autor que introduce
elevadas doses de humorismo nos seus relatos ca outra cousa, situándose
ben perto das denuncias populares de Lamas.
Os relatos, tres deles -"A
Compaña", "Na romaría da Barca" e "O
libro de San Ciprián"- non publicados desde principios de
século, son, por outra parte, un fiel reflexo da lingua do século
XIX inzada de popularismos e castelanismos como ben se encarga de
advertirnos o responsable da fixación textual. Mantéñense aquí as
características morfosintácticas e léxicas de cada texto, actualizando
só a ortografía e expoñendo a miúdo as modificacións no que resulta
un texto quizais excesivamente cargado de notas pero todas de interese.
Velaquí, en fin, un feixe de relatos que presentan
como fíos argumentais abundantes enredos populares, centrados os
máis na xeografía baiense, e cruzados pola ironía, humorismo, espontaneidade
e por unha indiscutible carga moral nunha edición que por fin actualiza
outro elo na cadea que conforma a narrativa do Rexurdimento
.
|