|
"Hai moitos escritores que collen un conto
popular, desfigúrano un pouco e dano ós leutores ca súa firma, sen
remordemento de concencia. Eu non quero cargar ás costas con semellante
pecado e denantes de botar este conto fago constar solenemente que
non é meu". Con esta ironía empeza Enrique
Labarta Pose (Baio-Zas 1863, Barcelona 1925) a primeira narración
do libro Contos (Galaxia).
Os relatos de contido humorístico de Labarta
foron publicados en varias revistas a finais do século pasado e
comezos do presente. Un dos contos máis coñecidos é O
tío Miseria "un dos labregos de máis bon humor de toda a
comarca" a quen "nunca lle faltou nada neste mundo... para morrer
de fame". Este relato é unha denuncia chea de retranca da situación
dos labregos a comezos de século. Labarta
conta que o tío Miseria tiña "os cóbados
rompidos, dúas ventás no pantalón con vistas interiores i unhas
botas tan alegres que se rían a gargalladas antre o material i as
solas". A razón do seu contento era, segundo lle dicía á súa muller,
que "cantas máis desgracias nos veñan nesta vida, máis satisfauciós
nos esperan na outra".
Xosé María Lema
e Xosé Manuel Varela son os autores
da edición e das notas deste libro.
|