|
Título: Obra
completa e Contos
Autor: Enrique
Labarta
Editorial: Edinosa
e Galaxia (Narrativa de Onte)
Na nosa literatura, e especialmente no que
se refire ao final do século XIX e principios do XX, contamos cunha
serie de autores que, por seren considerados epigonais das grandes
figuras do Rexurdimento, non merecen atención abonda por parte dos
estudiosos.
Esta situación ben pode mudar de signo de verse
continuado o esforzo asumido por Xosé Manuel
Varela Varela en referencia á figura de Enrique
Labarta Pose, escritor e xornalista baiés (1863-1925) que
ten sido obxecto de dúas interesantes edicións críticas da súa obra:
Obra Completa e Contos.
Obra Completa recolle,
no seu primeiro tomo, toda a producción poética galega de Labarta,
que se compón de dous poemarios -Bálsamo de
Fierabrás e Millo miúdo- e de
numerosos poemas que viron a luz en diversas publicacións periódicas
aínda en vida do autor. Como introducción a este volume, Varela
Varela ofrece unha completa cronoloxía bio-bibliográfica do escritore
editado, logo ampliada nas notas biográfico-literarias que fornecen
datos de grande interese documental para un achegamento máis eficaz
á obra labartiana. Ademais inclúese un exhaustivo estudio lingüístico
dos trazos característicos da lingua empregada nos textos.
Varela Varela
ve así publicada a súa tese de licenciatura, reformulada, tal como
el mesmo indica, tomando en conta as apreciacións que lle foran
feitas polo tribunal avaliador. No seu traballo, o filólogo malpicán
reúne o aparato bibliográfico existente sobre o escritor de Baio,
isto é, reseñas de prensa, prólogos, etc... Co que demostra ter
levado a cabo unha intensa pescuda nos arquivos e hemerotecas do
noso país. O editor baséase na última edición publicada en vida
de Labarta, única que carece das modificacións postumamente introducidas
polo seu fillo Enrique.
A edición dos textos caracterízase por un profundo
respecto aos orixinais que só ven modernizada a súa puntuación e
ortografía. Non hai pretensión normativizadora en cato que esta
suporía desvirtuar o orixinal e desprezar a vontade do autor. Non
se cae así na tentación de corrixir o que, desde a perpectiva actual,
constitúen castelanismos, vulgarismos, dialectalismos, hiperenxebrismos
que son comentados e clasificados no estudio sobre a lingua do poeta.
As notas a pé de páxina clarifican aspectos relativos ás versións
de variantes textuais anteriores.
O segundo tomo recolle a poesía labartiana en
español publicada nos libros Última novedad,
Bálsamo de Fierabrás e Adormideras,
que se completará coa aparición dun terceiro que está prevista a
publicación en breve. A recollida da obra completa pecharase cun
cuarto tomo, que se ocupará da producción contística en galego e
do teatro, así como dos relatos aparecidos en xornais.
Doutra parte, o volume Contos,
ao coidado de Xosé Manuel Varela Varela
(notas biográficas e edición) e de Xosé María
Lema Suárez (estudio lingüístico e edición) recompila oito
contos en galego de Labarta. Nos estudios introductorios que os
acompañan, os autores poñen de manifesto a fidelidade labartiana
á tradición contística popular galega, recoñecida explicitamente
e evidenciada polas fórmulas propias deste xénero, sen que isto
impida unha convivencia harmónica coa autenticidade e personalidade
literaria do baiés.
Temos de salientar o feito de que se toma como
base a primeira edición dos contos aparecida na prensa da época,
co que se reproduce o texto liberado dos retoques e modificacións
que Enrique Labarta fillo introducira
neles unha vez morto o pai. Esta novidade, tal como acontecía no
caso dos poemas, fai que o texto re-establecido polos editores constitúa
un valioso corpus de estudio para o futuro e a recuperación necesaria
dun autor esquecido do noso pasado.
|