NOVAS

Casa vouga chea de palabras e debuxos

[Cerqueda, xaneiro de 2004]

Casa vouga. Poemas e debuxos é outra aposta creativa conxunta de Xosé Manuel Varela, nesta ocasión co pintor Miguel Anxo Calvo (Cances. Carballo). Publicado durante o Nadal de 2003, este volume reúne 27 poemas e 16 ilustracións elaboradas a plumiña. O abandono da terra nativa, a lembranza da mesma desde a distancia, as raiceiras, a paisaxe e as xentes que poboan eses eidos artéllanse como núcleos temáticos que van enfiando poemas e debuxos.
O libro viu a luz no selo da Asociación Cultural Raigañas, co cal esta asociación da parroquia de Cerqueda (Malpica de Bergantiños) dá os seus primeiros pasos no eido editorial. Contou tamén coa colaboración do Concello de Carballo.
Casa vouga tivo a súa presentación en sociedade o domingo 11 de xaneiro na Axencia de Lectura de Aldeola (Cerqueda). A este bautizo acudiu o polifacético escritor coruñés Xurxo Souto e ademais actuaron os grupos de gaitas e pandeireteiras de Raigañas. Na presentación, Xurxo Souto dixo que, con Casa vouga, os autores "renden homenaxe á literatura de Bergantiños" e ademais que "era un libro que se podía levar no peto da camisa, á altura do corazón". Unha semana antes, autores e membros da asociación achegáronse ata o museo da Rexubeira de Bergantiños (Segufe. Coristanco) para lle entregarlle o exemplar número un do libro. A rolda de presentacións continuará en meses vindeiros en lugares como Carballo, Cances, O Couto e Cabana de Bergantiños.

Volver