|
Unha
Xanela ao bío de Paco de Tano
[Cerqueda,
febreiro de 2003]
|
 |
No
pasado mes de xaneiro, acudimos á presentación do libro Xanela
ao bío de Francisco
Quiroga (Paco de Tano). Isto non só foi significativo para
nós senón tamén emotivo, xa que tódolos malpicáns acabamos de conseguir
unha enorme débeda co autor, porque con este volume acaba de poñer
a poesía nacida desde Malpica de Bergantiños
nos estantes da Historia da Literatura Galega. Así que, amigo e veciño
Paco, convertícheste no poeta fundacional da poesía malpicá e isto
será para todos nós impagable. |
Ti,
que naciches en terras ourensás. Ti que non naciches 'pesco'
(fillo do mar, malpicán de pura cepa), tes tanto de malpicán ou máis
coma calquera malpicán. Podías pregoar este pedigree tabernas adiante,
xa que es adegueiro, e ser mentira, pero acabácheste de delatar con
Xanela ao bío
|
Con este libro de poemas,
conseguiches dous triunfos importantes. Primeiro, enraizar a túa poesía
na mellor tradición poética mariñeira; xa sabes, iso de Manuel
Antonio. Segundo, desde unha linguaxe próxima a lectores e
lectoras, soubeches elevar 'localismos'
lingüísticos malpicáns á calidade de lingua literaria; e isto xa desde
o propio título: Xanela ao bío (a palabra 'bío', cantil, precipicio
de ribeira, 'esparañal', da túa man, aparece por vez segunda na literatura
galega; quen a empregara antes fora Xelucho
Abella).
|
Se
dicir Xanela ao bío é dicir unha porta
aberta á lingua literaria desde Malpica de Bergantiños, tamén é dicir
un libro que enfeitiza con imaxes dese mundo mariñeiro entretecido
con redes, amor e morte. Dicir Paco de Tano, polo tanto, é dicir un
poeta que, a través das conversas tralo mostrador cos mariñeiros que
traían nos calcañares o temporal da cada noite, soubo pescar un 'tope'
de poemas e forxarse un mundo creativo ricaz e interesante, sorprendente
e emotivo.
|
Pero
Xanela ao bío non é tan só un libro de
poemas: é unha suma de artes para a emoción dos lectores: a poética
de Paco de Tano, a pictórica de Xusto
Moreda e Paco Souto, o deseño
gráfico de Abraham Vila e a fotográfica de Peter Schneider. Por iso,
se a viaxe poética ofrecida por Paco de Tano
se fai imprescindible, a conxunción coas outras tres artes converten
o libro nun dos máis interesantes dentro do panorama editorial galego
dos últimos anos.
|
| Na Costa da Morte, desde
Malpica de Bergantiños, Xanela ao bío,
unha viaxe polos sentidos da arte. Un libro para ler e ver na soleira
deste milenio. |
|