NOVAS

Saturnino Cuíñas Lois: cincuentenario do nomeamento como Fillo Adoptivo de Cabana de Bergantiños [abril de 2006]

[Cabana, abril de 2006]

Venres, 7 de abril de 2006, o Concello de Cabana de Bergantiños celebra o cincuentenario do nomeamento de Saturnino Cuíñas Lois como Fillo Adoptivo de Cabana de Bergantiños. O acto terá lugar a partir das 21 horas no salón de actos da Biblioteca Municipal María Baña Varela. Xosé Manuel Varela, autor do libro Saturnino Cuíñas Lois. (Fotobiografía dun cura exemplar e folclorista benemérito) glosará a figura deste cura folclorista a través dunha reportaxe fotográfica dos momentos máis importantes da súa vida.

A contribución musical ó acto correrá á cargo de tres zanfonistas da coral coruñesa Cántigas da Terra. A inclusión de zanfonas neste acto é debido a que Saturnino Cuíñas, xunto con Faustino Santaelices, foi un dos poucos zanfonistas da cultura galega do século XX.

O 7 de abril de 1956, cumpríanse 25 anos, as Vodas de Prata, da presenza do crego-folclorista, Saturnino Cuíñas Lois, na freguesía de Santo Estevo de Cesullas (Cabana de Bergantiños). Por ese motivo, a corporación local daqueles anos, tomou o acordo plenario de nomealo Fillo Adoptivo deste concello coruñés. De botarmos ben as contas, o vindeiro 7 de abril de 2006, cúmprense 50 anos do nomeamento de Saturnino Cuíñas como Fillo Adoptivo de Cabana de Bergantiños.

Este crego naceu en San Miguel de Carballedo (Cotobade. Pontevedra) o 21 de decembro de 1897. Faleceu na súa parroquia de destino, Cesullas, outro 7 de abril, nesta ocasión de 1978. Tras cursar estudos eclesiásticos en Compostela, ordenouse na catedral de Tui, exerceu de capelán nas terras das Mariñas e en Carballo de Bergantiños, na capelanía da condesa da Torre Penela. O 10 de abril incorporouse á parroquia cabanesa de Santo Estevo de Cesullas na que botou como párroco case cincuenta anos.

Fóra do seu exemplar labor relixioso, Saturnino Cuíñas destacou dentro da cultura galega como un dos máis grandes folclorista. O seu nome figura á altura do mesmo fundador dos coros galegos, o farmacéutico pontevedrés, Perfecto Feijoo. Xa desde pequeno, grazas á súa prodixiosa memoria, ía retendo cantares e melodías populares que entregou ós arquivos musicais de coros como Cántigas da Terra e Aturuxo. Nese legado musical encóntranse as foliadas de Augasantas, Bora, Caroi, Vilaxoán, Trabazo e Corcoesto; as pandeiradas de Pontevedra, Trabazo, Carballedo, Cesullas, Ponteceso, Loureiro, Espiriña, Paraño, Cuqueiro, Fontenla, Xil de Cambados, Corcoesto, Bordel, Vilaseco e Carnota; complétano, ademais, cantos de aninovo, de berce e de canteiros. Por todo ese labor, a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, na sesión ordinaria do 26 de abril de 1859, concedeulle a Medalla de Ouro de Primeira Clase do Premio Marcial del Adalid. Aínda hoxe podemos escoitar eses temas compilados por el en discos de Cantigas da Terra, Milladoiro ou Treixadura.

Pero, á parte do seu inxente traballo de compilador de melodías, Saturnino Cuíñas era un excelente músico. Tocaba á perfección todos os instrumentos tradicionais: gaita, bombo, tamboril e pandeireta. Era coñecido polo nome de "o cura gaiteiro". Ese gusto por tocar a gaita custoulle unha tiradura de orellas por parte do arcebispo de Santiago, aínda que o asunto non pasaría a maiores.

Non obstante, o seu máis importante papel como músico foi o de converterse nun dos únicos intérpretes de zanfona de Galicia. Os dous grandes zanfonistas senlleiros do país eran dous pontevedreses: Faustino Santaelices e o propio Saturnino Cuíñas. No concello de Cabana de Bergantiños consérvase unha fotografía na que se observa a Cuíñas tocando a zanfona diante duns nenos cabaneses. Ademais, nos arquivos de Cántigas da Terra, pódese ver unha zanfona, propiedade del, que lle entregara ó seu presidente na romaría do San Fins do Castro.

Esta romaría converteríase desde os anos 30 do século pasado noutro dos grandes fillos de Saturnino Cuíñas. El dotouna de elementos de identidade como o Berro Seco, o Santo de Pólvora ou o Himno a San Fins que non só a transformaron na festa patronal por excelencia de Cabana de Bergantiños, senón tamén nunha das romaxes máis singulares de Galicia.

Por veces, é preciso botar unha ollada atrás e verse no espello dos nosos devanceiros para recoñecermos todo o que lle debemos nese inxente labor de transmisión cultural. E Saturnino Cuíñas Lois, como crego, como folclorista, como músico, como etnógrafo e como persoa é imprescindible espello no que mirarse día a día.

Volver