OBRAS
María Baña Varela. Falaba de ser poeta.
Concello de Cabana de Bergantiños / Caixa Galicia, 1998
Edición e prólogo de Xosé Manuel Varela
Poesía

Labradora, peixeira, froiteira e ama de casa que non coñeceu escola, María Baña Varela quixo plasmar na escrita todo aquilo que, coma un regueifeiro, imaxinaba na cabeza. O seu estro poético era tan ricaz que mesmo chegou a manifestar: "Eu penso en copla".
Cara a finais da súa vida, de modo autodidacta, aprendeu a escribir. Así, na volta de follas de calendario, de facturas ou en follas soltas de caderno foi vertendo anados da súa vida e daqueles que a rodeaban.

A edición deste material poético disperso, contando coa vontade expresa da familia, supuxo a recuperación dunha escritora popular con verdadeiro alento poético.
Parello á publicación do volume e co ánimo de perpetuar a figura desta poetisa popular, creouse o Certame de Poesía María Baña Varela dirixido a tódolos públicos.