A
romaría de Santo Hadrián en Malpica de Bergantiños
Meu
Santo San Hadrián
que estás no monte de Beo,
librarás o meu irmán
que é do primeiro sorteo.
Santo Hadrián é tema recorrente no
cancioneiro galego. O de Malpica de Bergantiños, que se festexa
cada 16 de xuño ou domingo seguinte, se o primeiro non cadra
a domingo, é espello dos versos que citamos arriba, porque
ademais de ser patrón de canteiros, tamén o é de soldados
e mariñeiros. E a encomenda ao santo, feita por unha voz feminina,
devota, con fe, solicítalle a concesión da liberación do servicio
militar dun irmán seu.
A
historia
de Santo Hadrián lévanos aos séculos III e IV, en plena sociedade
romana. El era un mozo idólatra, empregado na administración
de xustiza, que o emperador Maximiliano enviara a Nicomedia
(Turquía) para presidir o martirio de 23 cristiáns. Cando
viu a paciencia no sufrimento preguntoulles qué premio esperaban
recibir por tanto padecemento. Eles respondéronlles que ninguén
podía imaxinar o ben inefable que Deus tiña preparado para
os seus amigos. Entón Hadrián, tocado pola divina gracia,
mandoulle ó escribán que anotase o seu nome xunta o dos martirizados.
Ao sabelo o emperador, e despois de facelo desistir, mandouno
prender. A súa muller, Santa Natalia, convertida anteriormente
ao cristianismo sen coñecemento do home, disfrazouse de varón
e introduciuse no cárcere para contemplar os martirios do
esposo. Azoutárono, cortáronlle unha man e as pernas cunha
macheta. Quixérono queimar, pero o seu cadáver volveuse incombustible.
Por último, recolleron o corpo e levárono a Constantinopla
(Istambul) onde o soterraron. A ela desprazouse Santa Natalia
para vivir, ata o fin dos seus días, a carón das reliquias
do esposo.
Tres séculos despois
a devoción a Santo Hadrián estendeuse pola Hispania visigoda
para se converter nun dos santos de máis culto antigo na Península.
En Galicia esparexeuse polos concellos máis occidentais, mentres
que, na actualidade, en Bergantiños se celebra en catro parroquias.
Dúas mariñeiras: Corme (Ponteceso) e Malpica de Bergantiños.
Dúas labregas: Sofán (Carballo) e Verdes (Coristanco). A romaría
de Santo Hadrián en Malpica é a máis sonada da comarca, ademais
dunha das máis salientables da Costa da Morte, xunto co San
Fins do Castro, a romaría da Barca ou os Milagres de Caión.
As catro rivalizan na presencia dos milleiros de devotos que
acoden puntualmente ao seu entorno relixioso.
O entorno relixioso
de Santo Hadrián no Monte de Beo xurdiu enriba dun espacio
sacro precristián, xa que, segundo manifesta Antón Rodríguez
Casal na Carta arqueológica del partido judicial de Carballo
de Bergantiños (Coruña), aquí encontráronse os restos arqueolóxicos
do castro coñecido como Bico do Castro: "sobre una cresta,
cuyas laderas llegan al mar, en lo más occidental del Cabo
de San Adrián -al que se conoce también con el nombre de Monte
do Castro-, parroquia de San Xiao de Malpica". Para o arqueólogo,
os vestixios históricos a penas son visibles, mais, polo contrario,
perdura a lenda, que para nada fala de serpes e si de tesouros
soterrados: "disque na caída do Bico hai un cacharro de ouro
e ouro de xufre. Puxeron os dous xuntos porque si estala o
de xufre, seguro que envenena a quen o rompa".
Un cruceiro, a
fonte de augas milagreiras, unha capela, a vigorosa romaría
e a lenda do santo son as pegadas actuais do proceso de cristianización
deste antigo espacio sacro.
A cruz de pedra,
exenta de decoración, érguese a medio camiño da ermida e das
illas Sisargas. A súa presencia faise constante enriba do
pedestal de escaleiras como unha parte máis da paisaxe que
domina o cabo. É agradable a mirada, a través dos seus brazos,
de cómo o promontorio de Santo Hadrián se intenta achegar
ata a máis próxima das Sisargas nun esforzo en vano.
A ermida, humilde
e alongada, conta cun altar exterior apegado no oeste e está
rodeada por un cercado de formigón e pedra. A primitiva construcción
databa do XVI. Un século máis tarde, Jerónimo del Hoyo, nas
Memorias del Arzobispado de Santiago de Compostela, fálanos
aínda da súa existencia: "... otra de San Adrián en la parte
de la tierra". A actual, branca e con tellado en tella do
país, que a deixan ver desde o mar, é unha construcción de
principios do XX e na que hai que salientar a espadana coroada
por cataventos de ferro. Na imaxinería destaca unha imaxe
de Santo Hadrián, "bella talla del siglo XVII, cargada de
ingenuidad e impresionando como producto del arte popular",
segundo nos comenta Juan José Cebrián Franco no volume Santuarios
de Galicia, que aquela se garda na parroquial durante todo
o ano e que tan só sobe á ermida o día da romaría.
Á beira do camiño
e fóra do adro, como resto de cultos hidrolátricos, abundante
en mananciais, a fonte de augas milagreiras cóbrese, desde
o día da romaxe para o resto do ano, cun colorido manto que
tecen os panos dos romeiros. As augas posúen propiedades curativas
para sandar as verrugas, sempre e cando o ofrecido as molle
con fe e deixe o mulido, como ofrenda, entre a filgueira que
a rodea.
A asistencia aos
oficios relixiosos comeza cunha novena que realizan grupos
de tres a seis persoas durante a cal van en peregrinación
desde Malpica ata a ermida, en tanto no camiño rezan o rosario
e lle dan varias voltas á capela. E tamén no tempo en que
algúns romeiros acoden ás misas celebradas na igrexa matriz
para escoitar misas días antes do 16 de xuño. Tan só chega
que o párroco enuncie que "esta misa vale por Santo Hadrián".
O día da romaría
comeza coa misa da alba na vila de Malpica de Bergantiños.
Desde aquí, as imaxes de Santo Hadrián e Santa Natalia, cos
mantos engalanados de billetes presos de alfinetes, son levadas
en andas por ombreiros de ofrecidos ata o Monte de Beo. Atravesan
as rúas alfombradas de espadanas para a festa. A ascensión
é acompañada por unha multitude de romeiros, uns de pés descalzos,
outros axeonllados, coa noite nas pálpebras. Carrexan nas
mans brandóns, corpos de cera e exvotos, facendo visible así,
desde ducias de anos, o ronsel desta fervorosa romaxe.
A Area Maior de
Malpica de Bergantiños, o promontorio de Canido, debuxado
en mil valados que cercan as posesións terreas, o pequeno
areal de Seaia, que se pinta de batidos taraios, e unha senda
parella á recortada ribeira serven de mapa do percorrido para
se achegar á fonte de Navenllos e á ermida. Desde o mar, embarcacións
ofrecidas, seguen a procesión con lanzamento de foguetes.
A mediados de século algúns destes barcos ten varado nos baixos
do cabo de tanto se achegaren por mar á comitiva. Porque,
entre os mariñeiros, a devoción na imaxe é maiúscula. Unhas
veces ao lle poñeren o nome de Santo Hadrián a algunhas embarcacións
da vila. Outras porque aquelas que realizan as súas capturas
entre os Baixos de Baldaio e as Sisargas, ao pasaren a rentes
do cabo, e na hora do Ánxelus, se persignas e rezan o Noso
Pai. Ou tamén, porque en todo o Cabo Santo Hadrián existen
numerosas marcas e a propia capela que indican caladoiros
para os barcos do día de Malpica. Aínda que non só é devoto
entre mariñeiros, senón tamén entre emigrantes, xa que cada
Nadal, auspiciado por aqueles que se achegaron á Terra Nai,
se celebra unha misa na capela na súa honra. Digamos que Santo
Hadrián forma parte da medula da maneira de ser de todos os
malpicáns, tanto que cada vez que un neno ou nena se bautizan
con seu nome (Hadrián ou Hadriana) o párroco fai resoar as
campás da parroquial.
Días antes da romaría
o recinto sacro comeza a vivir un ambiente festivo que lle
vén dado polas casetas, as vendedoras de roscas, toda caste
de enganadores e a mendicidade. Os romeiros teñen a obriga
de acudiren a calquera das seus misas que se celebran. En
tempos, cando a superstición estaba máis viva no rural galego,
acudías e ás misas con vacas ou calquera animal doente. Non
obstante, o momento álxido da romaría é a misa maior que se
celebra a mediodía. Por entre os fregueses, os sancristáns,
vestidos para a ocasión, pasean coas bolsas para recibir os
donativos, que despois encherán sacos de patacas ateigados
de moedas e billetes. No remate da misa, a poxa da función
para o ano vindeiro que o anterior párroco non deixaba á alza,
para que non fosen sempre as mans dos armadores máis ricos
os que agasallasen o santo.
Trala misa e do
baile non campo da romaría, hoxe desaparecido, celébrase a
sardiñada, organizada por asociacións locais, ou as comidas
particulares, estas tamén en retroceso. Segundo Juan José
Cebrián Franco, a sardiñada substituíu "la costumbre que existía
por parte de los miembros de la Cofradía de San Adrián de
festejar al Santo mediante una suculenta comida que cargaban
sobre las cuentas de la misma". O banquete debía ser tan escandaloso
que "a veces ocasionaba altercados desagradables hasta el
punto de verse obligados los prelados en varias Visitas Pastorales
a ordenar la supresión de esta costumbre", indica Cebrián
Franco.
Desde 1950, unha
peculiaridade que tamén se perdeu foi o costume de baixar
o santo, consistente en que alguén pasase unha pequena talla
de Santo Hadrián "sobre la cabeza, los hombros, pecho y espaldas
del ofrecido diciendo mientras tanto una oración ritual, ancestral,
en la que se invocaba el poder del Santo y de Dios", como
describe Cebrián Franco. Na parroquial aínda se gardan "tres
imágenes dedicacas en otros tiempos a este fin", conforme
non di Cebrián.
Tralo xantar, o
reducido número de romeiros acoden á poxa dos animais ofrecidos
ó santo ao longo do día. Cadaquén paga o prezo de cada peza
en diñeiro, moito máis do que ofrecería en calquera mercado
ou praza.
Rematada a subhasta,
a reducida comitiva acompaña aos santos na baixada da procesión
polo mesmo camiño que seguiran na primeira hora do día. Desapareceu
tamén a danza da procesión de baixada que se organizaba nun
relanzo do camiño arredor das figuras santorais. Para Cebrián
Franco a primitiva danza desapareceu porque "fue degenerando
hasta convertirse en un baile chabacano. Hubo discusiones
hasta que por fin se llegó al acuerdo de proscribir de tal
acto el baile moderno o agarrado exigiendo que los únicos
bailes a realizarse serían los típicos gallegos. En ocasión
hubo algunos que se obstinaron en bailar el agarrado, lo que
ocasionó un tumulto que terminó con la supresión de esta tradicional
danza".
A mitoloxía de
Santo Hadrián dinos que o santo se achaba predicando por terras
occidentais de Galicia, por aquel tempo cubertas de serpes,
de dun forte golpe dado co pé abriu un burato no chan por
onde desapareceron todas. En Gondomil (Corme. Ponteceso) a
lenda dinos que tralo peto no chan, as serpes quedaron encantadas
baixo da Pedra da Serpe para sempre. Unha apareceu gravada
na propia pedra. Hoxe podemos observar o altorrelevo dunha
serpe alada, con cola rematada en punta triangular, con cabeza
e pescozo contorsionados. Figura que se pode encadrar desde
a época medieval ata a barroca, en opinión de Francisco Calo
Lourido e Antón Rodríguez Casal no artigo "Aportamento ó estudio
do tema da serpe en Galicia. A Pedra de Gondomil", que contrasta
coa de autores como Barros Silvelo, Murguía ou Carré que a
consideraban prerromana.
A lenda malpicá
cóntanos que unha comunidade de monxes, que habitaba nas Sisargas,
se vía asediada por unha gran colonia de serpes. Santo Hadrián,
que se encontraba predicando o evanxeo pola Costa da Morte,
en tempo de marea baixa, achegouse ás pedras da ribeira e
díxolles: "Eu, Santo Hadrián, libérovos das serpes e desde
hoxe nunca máis ás Sisargas irán". Dito isto, pisou unha que
pasaba a rentes dos seus pés e gravouna nas mesmas pedras
da ribeira. Xunta ela deixou tamén insculpidas as súas pegadas
e a cunca. Aínda hoxe, próximo á zona coñecida como O Portiño
ou A Graña, podemos observar os restos que serviron de alimento
á imaxinería popular ó longo dos séculos para manteren vivas,
tanto a lenda como a devoción no santo. Nunha observación
máis científica repararemos que a cunca e as pegadas son as
pías que nacen froito da erosión da pedra e a 'culebriña'
é unha formación rochosa na que nin tan sequera interveu a
man do home coma en Gondomil.
San Hadrián é barqueiro,
barqueiro é San Hadrianhe.
San Hadrián é barqueiro,
que leva o remo na manhe.
Nesta ocasión a cantiga non é tan sabia.
A iconografía represéntanos a un Santo Hadrián, con sandalias,
vestido de romano, coa palma do martirio presa entre o manto
de pregues barrocos e o antebrazo esquerdo. E na dereita unha
cruz ergueita como símbolo da súa conversión ao cristianismo.
|